Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta propón cambiar o uso de máis de 56.000 m2 da súa propiedade en Xuxán para destinalo á contrucción de 500 vivendas protexidas máis


— Estas vivendas sumaríanse ás 1100 que a día de hoxe permite o desenvolvemento da superficie que ten en propiedade a empresa pública Xestur no antigo Ofimático

— Ángeles Vázquez subliña que nestes momentos e coa modificación que se lle trasladará ao Concello para poder destinar dúas mazás máis a uso residencial, complétase a planificación por parte do Goberno galego nesta zona da cidade

— Salienta o impacto positivo que terá esta bolsa de vivenda pública e de protección oficial para os demandantes da Coruña e considera que é un “modelo a exportar”

A Xunta de Galicia propón cambiar de terciario a residencial o uso actualmente asignado a máis de 56.000 metros cadrados da súa propiedade no barrio coruñés de Xuxán —antigo parque Ofimático— co obxectivo de destinalos á construción de 500 vivendas protexidas máis e sumalas ás 1100 que permite o desenvolvemento previsto a día de hoxe nos terreos que ten nesta zona.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen inaugurou xunto ao delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, unha xornada sobre a promoción de vivenda protexida en Xuxán organizada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e dirixida ás cooperativas que adquiriron parcelas nesta zona, aos propietarios do solo destinado a vivenda libre, arquitectos e redactores dos proxectos e profesionais do sector inmobiliario.
Precisamente Ángeles Vázquez enmarcou a construción destas novas 500 vivendas na Coruña nunha das liñas de actuación fixadas na nova estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia para os vindeiros 4 anos, ratificada onte mesmo polo Consello da Xunta.
En concreto, explicou que a empresa pública Xestur dispón de dúas mazás cualificadas no seu día no planeamento como de uso terciario —é dicir, destinadas a albergar oficinas e actividade comercial— pero que a realidade actual aconsella reorientar ao constatarse que non existe este tipo de demanda na zona. Por esta razón, indicou que a proposta da Xunta é recualificalas como solo residencial para permitir que se poidan construír unhas 500 vivendas protexidas a maiores das previstas, un cambio de uso para o que se lle pedirá ao Concello da Coruña que modifique o PXOM.
Con esta modificación de usos para poder destinar dúas mazás máis á promoción residencial en Xuxán, incidiu a conselleira, dáse por completada a planificación do desenvolvemento dos terreos que ten o Goberno galego neste barrio coruñés.
Ao respecto, salientou o impacto positivo que terá esta nova bolsa de vivenda tanto pública como promovida por construtores e cooperativas privadas para os demandantes deste tipo de inmobles da cidade da Coruña e considerou que é un “modelo a exportar” a outras zonas de Galicia.
Ofertas recibidas para as 5 últimas parcelas
A Xunta iniciou o desenvolvemento do antigo Parque Ofimático no ano 1991, converténdose no seu verdadeiro motor ao asumir a redacción do plan parcial e do proxecto de reparcelación, adquirir o 50% do solo e adiantar o diñeiro ao Concello en 2016 e 2021 para que as obras puidesen avanzar. Desde entón, Xestur vendeu ou permutou 10 parcelas a cooperativas privadas para construír vivendas protexidas —algunhas das cales xa están rematadas e o resto en distintas fases de desenvolvemento— e tamén se adxudicaron dúas parcelas de uso comercial.
Neste sentido, a responsable autonómica referiuse ao último concurso de Xestur para a adxudicación de solo público residencial, convocado a finais do ano pasado e no que se incluíron cinco parcelas en Xuxán —as últimas que ten dispoñibles a Xunta neste barrio— con capacidade para albergar ata 254 vivendas protexidas. Ao respecto sinalou que precisamente hoxe se procedeu á apertura de sobres no marco da tramitación do concurso e anunciou que se presentaron ofertas para as cinco.
En canto as actuacións directas por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Ángeles Vázquez avanzou que, a día de hoxe, se está a traballar na construción de 138 vivendas de promoción pública. Delas, 40 xa están rematadas e en proceso de adxudicación, con entrega prevista para este verán; outras 40 teñen os proxectos construtivos en elaboración; e 58 están pendentes de que antes do verán se adxudiquen os contratos para redactar os correspondentes proxectos.
Por último, tamén incidiu en que ata o de agora a Xunta leva investidos un total de 27,5 millóns de euros entre a adquisición de solo e a urbanización de Xuxán —que executa o Concello da Coruña pero cuxo custo asumen os propietarios do solo— e prevé mobilizar outros 26 na construción de vivenda pública e no remate das obras de acondicionamento pendentes, investimento no que non estarían incluídas as achegas necesarias para desenvolver as 500 vivendas protexidas que permitiría o cambio de uso proposto.